Friday 03 de May de 2024

Laxe súmase ao programa de compostaxe doméstico de Sogama e repartirá cerca de 50 composteiros entre a veciñanza


Tamén se vai realizar unha charla informativa presencial para explicar o funcionamento desta técnica e facer entrega do composteiro e un manual de uso

As persoas interesadas poden inscribirse ao longo do mes de abril no Concello

O Concello de Laxe súmase ao programa de compostaxe doméstico impulsado por Sogama en Galicia e repartirá preto de 50 composteiros entre a súa veciñanza.

Para explicarlle ás persoas interesadas o funcionamento, no vindeiro mes de maio realizarase unha charla informativa para explicar o funcionamento a seguir e, a maiores, entregaranse manuais de autocompostaxe que servirán de guía para iniciarse na elaboración do compost.

Todos e todas aqueles que queiran sumarse a esta iniciativa e asistir á formación, na que se fará entrega deste material, deberán inscribirse previamente de maneira presencial no Concello ao longo do mes de abril.

O obxectivo é asesorar aos participantes en aspectos claves sobre esta técnica, como onde localizar o compostador, os parámetros que inflúen na compostaxe, que refugallos deben depositarse e cales non, os erros máis habituais, etc.

Este programa ponse en funcionamento para que as vivendas que conten con espazo natural para facelo, poidan ter a oportunidade de autoxestionar a súa materia orgánica e, deste xeito, reciclar os residuos.